Galiza: Santiago de Compostela por uma galega e em galego

Clara Sánchez acha que as noites de Santiago de Compostela são mágicas. Porquê? A explicação vem neste roteiro em galego

Centro Galego de Arte Contemporánea Fernando Veludo/Arquivo
Fotogaleria
Centro Galego de Arte Contemporánea Fernando Veludo/Arquivo
Fernando Veludo
Fotogaleria
Fernando Veludo

E unha vez máis volvo a andar por estas rúas de pedra e auga, na cidade dos paraugas rotos cando o tempo comeza a desafiar a peregrinos, turistas e estudantes. Pero non importa, xa que como ben din nestas terras, en Santiago a choiva é arte.

E aquí estou, de novo, cruzando a calzada para perderme entre as rúas do corazón de Compostela. A Catedral como sempre vixiante, baixo o son dalgún gaiteiro que desafiando o tempo toca embaixo do túnel, mentres algún turista curioso toma unha fotografía para testemuñar que as gaitas non son patrimonio único da Escocia. E da Catedral a Praterías e de Praterías a Quintana. E na Quintana nos sentamos unha vez máis nesas escaleiras de pedra, observando a maxestosidade dunha praza que concentra boa parte da vida de toda a cidade.

E alí, ao seu carón, entramos na Casa das Crechas. Ese recuncho de pedra e madeira. Coas meigas galegas saudando a todo aquel que entra. Volveremos máis tarde que hoxe é mércores e pola noite toca foliada.

Mais a fame comeza a facerse notar e imos ata o Franco. E entramos na primeira porta da decena de establecementos que nesta rúa ofrecen a súa comida os transeúntes. Pediremos unha tapa de polbo, embutidos e viño da casa.

E logo de comer, paseamos ate o Parque de Bonaval. E durmimos a sesta entre as ruínas da horta do mosteiro e as vellas tumbas do cemiterio. Aquí ao noso carón teremos tempo despois para visitar o Museo do Pobo Galego, o Panteón dos Galegos Ilustres e o Centro Galego de Arte Contemporánea, un marabilloso edificio deseñado polo portugués Álvaro Siza que ademais dunha modesta colección de arte moderno e diferentes exposicións temporais, agocha unha pequena librería na que poder encontrar interesantísimos libros sobre arte moderno, moitas veces a un magnífico prezo. Saímos cargados con máis dun libro nas nosas mans e nos achegamos ata a rúa San Pedro, un dos barrios máis típicos da Compostela. E seguemos deambulando por esas rúas de pedra e auga. E vamos a Alameda, e saúdamos as dúas Marías e mercamos castañas.

Pronto faise de noite. Estamos no interior de Compostela. E xa empezamos a observar o movemento dos centos de estudantes que coma cada noite dánse cita nos diferentes bares da cidade. Algúns irán ata a Alameda, que na noite se converte en punto de encontro de mozos e estudantes, antes de comezar a súa particular ruta nocturna. Outros ocuparán as prazas da zona vella ou sentarán nos diferentes portais de cada bar. Haberá quen vaia a zona nova. Haberá que non saia do casco histórico. E é que en Santiago tes onde elixir. Enumerar todos e cada un dos bares sería imposible. Xa que esta é a razón que converte a vida nocturna compostelá na mellor da Galiza. Porque as noites en Compostela son máxicas.

Sugerir correcção
Comentar